domingo, 9 de setembro de 2012

Acta de Constitución do Consello Reitor Provisional de Arméria Sociedade Cooperativa Galega

Convocada pola Asemblea Plenaria do Encontro Social de Ferrol Terra, celebrada o pasado 13 de Agosto de 2012, ten lugar a Xuntanza Aberta a todas as persoas socias de Arméria que se quixeran presentar voluntarias para formar parte dun xeito provisional do Consello Reitor da Cooperativa; quixeran facer propostas doutras persoas, ou simplemente ser testemuñas da constitución.

A reunión tivo lugar, en Ferrol, o martes día 4 de Setembro de 2012, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro, pasadas as 8 da tarde.

No transcurso da mesma asistiron 25 persoas socias.

O único punto da orde do día era o da constitución do Consello Reitor Provisional, aínda que ao final, fora da orde do día trataron-se outros asuntos de certa urxencia e aproveitou-se para lembrar reunións pendentes.

Ao comezo da xuntanza informou-se das limitacións da convocatoria informando que só se enviaron 76 convocatorias por correo-e (sendo 113 as persoas asociadas), das cales dúas viñeron devoltas. Tamén se informa que aínda que a xuntanza quedou convocada desde unha reunión anterior como se menciona ao comezo desta Acta, así como que foi publicada na Axenda do Encontro e nos blogues do mesmo Encontro e de Arméria, como tamén saíu publicada de xeito destacado na prensa local, foron máis de 30 as persoas asociadas ás cales non se lles enviou directamente a convocatoria.

Informou-se previamente en liñas xerais en que consistía o órgano reitor a constituír:

“O Consello Reitor Aberto, é o órgano coordinador e de representación legal da sociedade cooperativa. Coordina todas as actividades das comisións, grupos e seccións de Arméria. Coordena a representación legal e pública, custodia a documentación e leva a tesourería. Da conta da súa xestión ante a Asemblea Xeral de Arméria”.

Posteriormente informou-se da situación actual de Arméria:

“Na actualidade a Cooperativa Arméria en fase de constitución legal e formal, leva-se desde a Comisión de Economía Social e de Calidade de Vida, do Encontro Social de Ferrol Terra que é quen a promove. No aspecto formal no seo de Arméria están constituídas só dúas seccións: unha que é o Grupo de Apoio ás Finanzas e Seguros Éticos e outra que é a Comisión de Viaxes Educativos e Solidarios. Estas dúas seccións están en fase de formación con proxectos en marcha, como xa informaremos no Boletín nº2 de Arméria. Despois hai unha actividade compartida que promove a cooperativa e que está dentro da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra como é o Banco de Tempo que tamén está en fase de formación e dous proxectos máis en marcha : a Axenda Aberta - De boca a boca e O Peto Solidario”.

Informou-se que para coordinar esta incipiente actividade e comezar a dar-lle corpo á cooperativa, foi polo que se  acordou na Asemblea Plenaria do Encontro Social do pasado 13 de Agosto, convocar esta xuntanza aberta a todas as sociais e socios de Arméria, "para axudar a constituír o Consello Reitor Provisional da Cooperativa, até a Asemblea Xeral onde se formalice e legalice a súa constitución". Na citada Asemblea Plenaria encomendou-se-lle a este Consello Reitor "a función provisional, entre outras, de facer unha última revisión aos Estatutos, controlar as contas, convocar unha Asemblea Xeral de Arméria para a súa aprobación e realizar todos os trámites legais, para a súa constitución no menor prazo posíbel, así como coordinar provisionalmente as seccións constituídas e promover a constitución das comisión e resto de seccións previstas".

Despois de recoller-se os nomes das persoas que se presentaban voluntarias  e escoitadas  outras propostas completou-se o Consello Reitor de carácter Provisional.
 Quedando constituído do seguinte xeito:
Manuel Rivera Iglesias -Presidente-
Elena Casal Mera -Vicepresidenta-
Inácio Martínez Orero -Secretario-
Vitoria Fernández Paredes -Vogal-
Xoán Carlos Berrocal Regueira -Vogal-
Fani Doce Fernández -Vogal-
Carlos Vidal Ojea -Vogal-
Lucía Vizoso Amado -Vogal-
Segundo Ruíz Lemos -Vogal-
Chema Hernández Roca -Vogal-
Manuel Rodríguez Carballeira -Vogal-
Lupe Ces Rioboo -Vogal-
Acordou-se convocar a primeira xuntanza o Mércores 12 de Setembro de 2012, ás 7 da tarde no local da Asociación Veciñal de Esteiro.

Acordou-se enviar o anteproxecto de Estatutos a todas as persoas asociadas para a súa revisión, tanto gramatical como para propoñer as modificacións ou consideracións oportunas. Tendo en conta que estes estatutos que imos legalizar contemplan moitos aspectos que podemos considerar innecesarios ou moi burocratizados ou con moitos tecnicismos, mais que a normativa vixente sobre cooperativas obríganos a contemplar así. Despois temos a oportunidade de facer un regulamento de réxime interno máis real co que pretende ser Arméria.

Fóra da orde do día:
- Informou-se da reunión da Comisión de Viaxes Educativos e Solidarios, no local da Asociación Veciñal de Esteiro, para o Venres 7 de Setembro, ás 7 da tarde, para preparar a reunión ampla que vai ter lugar o Luns 10 de Setembro, ás 6 da tarde, no CEIP de Caranza 'Manuel Masdías', con representates de ANPAS e profesorado dos Colexios Públicos.

- Informou-se da reunión das persoas promotoras do Banco de Tempo, no local da Asociación Veciñal de Esteiro, para o Xoves 6 de Setembro, ás 7 da tarde, para presentar a ferramenta informática elaborada para o funcionamento na rede e outros asuntos de interese.

- Informou-se de que xa había unha solución para os murais do Comité Cidadán de Emerxencia que están ocupando espazo no local de Caranza, polo que cumpría pór en marcha a planificación de traslado e instalación, utilizando horas de traballo comunitario. Tarefa que queda para o Consello Reitor.

En Ferrol Terra, a 5 de Setembro de 2012

http://armeriacooperativa.blogspot.com.es/

|||||||||||||||